10 feb. 2017

THE ENGLISH'S LIBRARY E XOGO DAS LETRAS GALEGAS

Co ano novo, comezamos dúas actividades novas no tempo da biblioteca: - The English's library é un xeito de escoitar, ler e falar en inglés a partires do material da biblioteca e no que contamos coa colaboración de Olga, a nosa auxiliar de conversa. Nesta ocasión, un grupo de nenas e nenos de terceiro memorizou un poema e representárono, manipulando diversos materiais, e todo...IN ENGLISH!




Asemade, comezou o xogo das Letras Galegas,  para favorecer a busca de información a partires dos fondos e dos soportes cos que conta a biblioteca.



Aproximadamente cada mes, as nenas e os nenos que acudan a biblioteca durante os recreos, poderán responder a unha pregunta (diferente, segundo o nivel) relacionada con Carlos Casares.


Quen consiga catro fichas de preguntadas acertadas, recibirá un agasallo conmemorativo polo Día das letras galegas.

4 feb. 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR

María Solar foi a primeira autora que nos visitou este curso. E achegouse ata a nosa biblioteca para falarmos sobre o seu libro As meigas de Lupa, unha historia que ten bastante que ver coa fundación da cidade de Santiago. A este encontro asistiron lectoras e lectores de moi diferentes idades, polo que María comentou variadas anécdotas relacionadas cos seus libros e puxo un especial fincapé en poñer en valor a literatura infantil e xuvenil. Quizais un tipo de lectura máis considerada noutras latitudes, e non moi lonxanas da nosa. En definitiva, unha tarde na que descubrimos que a escritura do libro resultara algo máxico para ela, porque todo o que lle foi acontecendo con el foi marabilloso: desde as colaboracións (comezando pola portada), ata o feito de que un músico de sona lle puxera música...

30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

Nunca sobra recordar, e máis nestes tempos, que sementar a paz e o respecto é unha das aprendizaxes máis  difíciles, pero que hai que ir desenvolvendo e fomentando desde que se nace.

 Para iso, é importante recordar a figuras históricas que loitaron por defender os nosos dereitos, como o caso de Gandhi, personaxe que se recorda o 30 de xaneiro.

 Pero este ano, desde a biblioteca do centro, consideramos que había que reflexionar sobre o que sucede no mundo. Así, elaborouse un boletín de recursos para que se traballara esta data polas clases.




Asemade, ese día, realizouse teatro lido para o alumnado de primaria. Ata terceiro, leuse e representouse o libro La princesa Laca en la lejana Birmania  (F. J. Malaval,  Proteus editorial), ou como enfrontarse ás tiranías dun xeito pacífico.

DÍA DA PAZ 2017 on PhotoPeach
E para o alumnado de cuarto a sexto, El viaje, unha historia de Francesca Sanna, publicada por Impedimenta,  e que amosa o drama dos refuxiados desde a perspectiva dun neno.