19 ene. 2017

DE PASEO COA MITOLOXÍA...TODO UN ÉXITO


A cidade de Compostela pode aproveitarse como recurso iconográfico para buscar outra maneira de ler.

Isto é o que pensaron en 6º, e puxéronse mans á obra e pés pola cidade para localizar, investigar e reelaborar información sobre a mitoloxía que aparece nalgúns edificios.

Como resultado, este proxecto foi premiado no concurso A función social do patrimonio que convocan as cidades patrimonio da humanidade españolas, e, por tanto, o noso centro será o representante do concello de Santiago de Compostela. 

Así, nós tamén recibiremos ao seleccionado por Toledo, e a finais de marzo iremos coñecer a cidade de Segovia...

Xa estamos preparando as maletas...!

PROGRAMA DE HABILIDADES SOCIAIS




Desde a biblioteca do centro, queremos ofrecer este curso unha nova actividade que amplíe e complemente algúns traballos que xa se están a desenvolver.

Hai un grupo de nenas e nenos de 6º que forman parte xa do Grupo Solidario, que se está reunindo cada venres, no recreo, para informarse, formar, e ser quen de organizar campañas e actividades solidarias en colaboración con distintas ONGs. A primeira campaña que están a poñer en marcha é: Por un consumo responsable

Coas nenas e os nenos de 5º, levaremos a cabo unha proposta para traballar as habilidades sociais. Pensamos que son una ferramenta ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo.


A nosa intención é que a biblioteca sexa, aínda máis, un espazo colectivo dinámico de recursos e servizos, de integración, de promoción de actitudes reflexivas e críticas, de articulación de materiais e de procesos pedagóxicos.



17 ene. 2017

UNHA ROTA PARA COÑECER A ORIXE DA NOSA LITERATURA

Un dos contidos curriculares en 5º e 6º, é o de coñecer as principais formas de expresión literaria en lingua galega. 

Por iso, e aproveitando que o noso centro se encontra nunha cidade de orixe medieval como Santiago de Compostela, aproveitamos que a profesora especialista da materia na USC, Mª Isabel Cabanas Morán, tiña a ben facer unha pequena rota co alumnado de 6º, para coñecer algúns dos trobadores máis representativos relacionados coa nosa cidade. 

 E é que tal como se demostra no libro O amor que eu levei de Santiago, Compostela foi centro internacional das letras medievais e por aquí andaron e compuxeron as súas cantigas Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joám Airas, Joám Vásquez, Pai Gomes Charinho, Pedro Amigo de Sevilha, Pero da Ponte, Pero Garcia de Ambroa, Sancho Sanches, Rui Fernandes, Afonso Eanes do Cotón, Pai da Cana, Pero Meogo, Osorio Eanes...

Antes da saída, o alumnado preparou as cantigas na clase, analizando o seu contido e as súas características métricas. Tamén se deseñaron xogos para representar nos distintos puntos da rota (buscas  dos tesouros, ordenar estrofas, cantalas a ritmo de rap...),  e finalmente visitouse a biblioteca América da USC, onde nos amosaron auténticas xoias medievais como o Libro de horas de Fernando I, datado en torno ao 1055 e considerado o libro máis antigo de Compostela.

 Pero todo o anterior non tería sentido se non servira de inspiración para as novas creadoras e creadores. Por iso, ao final, compuxeron cantigas que quizais sexa a orixe dunha nova corrente neotrobadoresca...

 En definitiva, todo un exemplo de colaboración  entre a biblioteca e a nosa comunidade educativa, representada nesta ocasión pola profesora Isabel Morán e pola directora da biblioteca universitaria Mabela Rey, e que se resume no seguinte vídeo: