27 nov. 2016

PARA QUEN IRÁ A CESTA?

A biblioteca de Lulu quere promover a lectura entre as súas usuarias e usuarios durante todo o curso, pero máis especialmente nestes días próximos ao Nadal.

É por iso que Lulu, a nosa mascota, preparou unha cesta con libros que se sorteará o 14 de decembro. Se queres participar, é necesario posuír unha rifa que se entregará ao retirar un préstamo durante os recreos da biblioteca. Se en dous días non aparece a rifa gañadora, procederase novamente ao sorteo o día 16.

Así que se queres ter un agasallo por adiantado, visita a biblioteca e anímate a participar!


21 nov. 2016

25 DE NOVEMBRO: DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO

O Equipo de dinamización da biblioteca do CEIP López Ferreiro, elaborou este boletín con diversos recursos para traballar a igualdade nunha data na que se recorda que aínda hai violencias invisibles...

18 nov. 2016

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO





 Tamén na nosa biblioteca se celebrou. Primeiramente, realizouse unha exposición con material de ciencias en lingua galega. Sobre esa exposición o alumnado de 6º creou un xogo de tarxetas para que as compañeiras e compañeiros buscaran  a resposta entre o material exposto.





E tamén se efectuaron saídas científicas, xa que as clases de 4º B e de 4ºA asistiron aos obradoiros de Ciencia divertida e Xogando coas estrelas, organizados pola biblioteca pública Ánxel Casal.


A NOSA TRADICIÓN ORAL

Dentro do calendario do libro e da lectura, a primeira semana de novembro está adicada a literatura de tradición oral: lerias, contos, lendas, cantigas, refráns, xogos de palabras, cancións..., manifestacións que se transmitían de boca en boca, e que forman unha das bases da nosa cultura. 

 O alumnado do López Ferreiro, e as súas familias, non quixeron esquecerse deste legado dos nosos devanceiros. Por iso recolleron contos, lendas, poemas, e mesmo xogos e xoguetes no caso dos maiores, e presentáronse no IV Maratón de tradición oral, convocado pola biblioteca pública Ánxel Casal. 

 É de destacar que tamén o alumnado que procede de familias foráneas expuxo as súas manifestacións. Deste xeito tamén descubrimos que as nenas e os nenos de todos os lugares xogan e teñen tradicións moi parecidas no que é a súa primeira socialización.


ACTIVIDADES A PROL DA DINAMIZACIÓN LECTORA



Como nos cursos anteriores, este mes de novembro comezamos as actividades de dinamización lectora entre as familias e mais as nenas e os nenos.

E queremos empezar lembrando a un profesor galego, e xa todo un clásico como escritor  na nosa lingua, que nos deixou no verán de 2016: Agustín Fernández Paz. A ocasión, serviranos para comentar o seu libro Malos tempos para os fantasmas, e tamén para valorar as súas calidades humanas a partires do visionado en vídeo dalgúns momentos que compartiu co alumnado do López Ferreiro.





 E como tamén neste mes hai unha data especial para lembrar a non violencia de xénero, o Equipo de dinamización da biblioteca decidiu dar a coñecer o conto La princesa Laca. Para iso, o día 29, familias e alumnado estan convidados á representación do conto na biblioteca, a partires das seis da tarde.