28 mar. 2016

MARZO: MES DA POESÍA



O Día de Rosalía celebrámolo no centro o 24 de febreiro, pero tamén se programara a realización dunha rota polos lugares máis significativos da biografía de Rosalía de Castro.
 
Despois de varios aprazamentos por cuestións meteorolóxicas, o alumnado de 6º xunto aos compoñentes do club de lectura do CEIP Arquitecto Casas Novoa da Sionlla, percorreron eses lugares, e acompañaron o itinerario coa lectura e coa música, dous compoñentes esenciais na vida e obra de Rosalía.





E durante todo este mes, o alumnado que acode á biblioteca ten a oportunidade de recitar diferentes estrofas e poemas seleccionados por elas e por eles. Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Manuel María, García Lorca..., comparten tempo de lectura con autoras e autores que xa comezan a ser clásicos: Neira Cruz, Ana Mª Fernández, García Teijeiro...





 
 
Pero aínda queda máis: prepara un poema e preséntao ao II Concurso de poesía Bibliolulu. O Día do libro, sobe á biblioteca para comprobar se estás entre os gañadores.
 
 

1 mar. 2016

ENTROIDO 2016

Polo entroido do López Ferreiro, pasaron moitos personaxes medievais: por exemplo, os fantásticos, coma os dragóns de educación infantil; ou os reis e raíñas de cinco anos, aos que acompañaron, facéndolle a corte, os cabaleiros de segundo e os trobadores de primeiro.

Para que non faltara algo que comer e beber, as nenas e nenos de 3º representaron os mesóns medievais. E neste mundo do medievo, non podían faltar as invasións, que, como estamos en Galicia, viñeron dos viquingos de quinto. Todo foi aderezado coas meigas e feiticeiros de cuarto e os personaxes que, como Robin Hood, representaban a xustiza entre un mundo de pobres.

Unha maneira lúdica de estudar, e de representar tamén, a época medieval.

NÓS TAMÉN CON ROSALÍA



Na nosa andaina para-lela de Compostela, non podía faltar a referencia á poetisa por excelencia de Galicia: Rosalía de Castro.

Rosalía viu a luz na nosa cidade, e foi aquí tamén onde desenvolveu as súas primeiras inquedanzas artísticas, e o lugar no que se relacionou con moitos dos intelectuais da época. Todo iso, xunto ás súas experiencias vitais, fíxolle tomar unha conciencia social que segue vixente nos nosos días.

O 24 de febreiro celébrase o seu "Día..", coincidindo coa data do seu nacemento. Nas clases do López Ferreiro, léronse poemas da escritora e realizáronse actividades sobre a súa vida e a obra. E desde a biblioteca, paseamos con ela polos lugares nos que viviu en Santiago, coa técnica do Kamishibai.

A véspera, presentamos a actividade a actividade ás familias. Rematouse cunha homenaxe musical por parte da alumna de 2º A Cecilia Soto, e do profesor da Real Filharmonía de Galicia, Luís Soto, que como papá tamén é membro da nosa comunidade educativa.

Mágoa que o tempo meteorolóxico nos impedira realizar a rota rosaliana por Santiago, programada co alumnado de 6º do noso centro e cos integrantes do club de lectura do CEIP Casa Novoa da Sionlla, que queda para o venres 11 de marzo.

 
NÓS TAMÉN CON ROSALÍA on PhotoPeach